|
Pontus Veteris naceu o 9 de outubro de 1997 presentando
as coleccións Primavera Verán das firmas Florentino,
Toypes, Montoto e Oky-Coky. O obxectivo era apoiar a industria
téxtil galega creando un lugar de encontro para deseñadores
e os seus potenciais clientes. A pasarela celebrouse no auditorio
do Pazo da Cultura de Pontevedra e a ela asistiron 600 persoas
que completaron o aforo dispoñible. O evento foi retransmitido
pola Televisión de Galicia e presentado por Uxía
Blanco. A modelo María Reyes pechaba os desfiles.
Pronto fíxose patente a necesidade dun espazo maior para
o desenvolvemento da pasarela, así que en 1999 trasládase
ao anexo Recinto Feiral o que permite duplicar un aforo que seguirá crecendo
ata consolidarse en torno ás 2.000 persoas. Tamén
en 1999 Pontus Veteris adquire a súa forma actual con dous
desfiles anuais: un en febreiro/marzo que mostra as tendencias
outono-invierno e outro en setembro nas que se exhiben as coleccións
da temporada primavera-verán.
Desde ese ano 1997 diversas firmas galegas presentaron as súas
coleccións de moda muller e home en Pontus Veteris. Desde
as máis habituais Toypes, Montoto, Florentino, Charoa, María
Mariño e Boxley, xunto con Araujo e Makari (que incorporan
a peletaría á pasarela desde 2004), ata aquelas cuxa
participación limitouse ás primeiras edicións
(Oky-Coky, Futura Línea…).
En 2000 e 2001 a pasarela abriuse ao deseño de moda brasileiro.
O primeiro ano con 15 firmas sobre todo de calzado, sector no que
o país carioca é unha potencia. No 2001, 28 empresas
brasileiras presentaron en Pontevedra as súas coleccións
de moda praia, calzado, bixutería e confección.
Pontus Veteris sempre estivo aberta ao exterior. Boa proba disto é a
crecente presenza na pasarela de empresarios e prensa doutros países
como Brasil, México, Portugal, Polonia, Suecia, Dinamarca… Como
o é tamén a presentación en febreiro de 2007
da pasarela en Madrid. Presentación que terá continuidade
nun futuro próximo con outras en Porto e Barcelona.
Abrir mercados, difundir as creacións da moda galega no
exterior foi sempre unha pretensión de Pontus Veteris. Xa
en 2002 a Cámara de Comercio presentaba ao goberno galego
o proxecto de crear unha Semana da Moda Galega en Pontevedra. O
Recinto Feiral podía converterse así no ensaio para
as coleccións concibidas para desfiles organizados fora
de Galicia e de España. Un soño que a Cámara
de Comercio pretende facer realidade en setembro de 2008 coa primeira
edición de SEIMOGA (a Semana Internacional da Moda Galega)
que aspira a ser a cita obrigada para todos aqueles profesionais
que queiran coñecer as últimas tendencias da moda
galega e os recursos do puxante sector téxtil de Galicia. |